Saturday 11 de May de 2024

Inés Rey destaca o gran labor da canteira do hockey coruñés


O Concello recibiu a aos clubs Compañía de María e Dominicos, que acadaron importantes logros deportivos en categorías inferiores a pasada temporada

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta mañá no salón de plenos de María Pita a representantes clubs de hockey sobre patíns do Dominicos e Compañía de María para felicitalos polos grandes resultados deportivos obtidos durante a pasada temporada. A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Deportes, Mónica Martínez. Por parte dos equipos interviron Josep Sellas, coordinador de deportes e adestrador infantil de Compañía de María, e Pablo Togorez, coordinador de hockey do Club Dominicos.

“A Coruña non se entendería sen o hockey. E mais nun ano como este, cargado de vitorias e trofeos para os nosos equipos”, sinalou Inés Rey durante o acto. O equipo xuvenil do Dominicos proclamouse campión de España e os seus equipos alevín e infantil remataron en cuarta posición nos seus campionatos. Por outra banda, o equipo infantil do Compañía de María foi medalla de bronce no Campionato de España. Ademais, Josep Sellas foi elixido mellor adestrador da Eurohockey Cup celebrada o pasado novembro.